viernes, 21 de junio de 2013

A ÁRBORE DE ROSALÍA


Os alumnos/as de 1º e 2º ESO penduraron anacos de poemas de Rosalía de Castro nos que se fai referencia e unha defensa de Galicia. Estes anacos foron escritos en cartolina coa silueta da xeografía galega.
As composicións foron colgadas dunha árbore moi frecuente nos montes de A Fonsagrada, trátase dun carballo Curpio que se emprega para leña co obxecto de darlle calor ao fogar. O carballo de Rosalía que situamos na entrada do instituto tamén nos irradia calor e os versos pendurados das súas ponlas lémbranos que debemos sempre defender o noso.

Aquí tedes algunhas fotos do momento no que se realizou o traballo.




lunes, 27 de mayo de 2013

LIÑA DO TEMPO ROSALIANO




       Esta é a liña do tempo sobre a vida de Rosalía de Castro que fixeron os alumnos/as de 3º de ESO: Marta, Natalia, Ángel, Alejandro, Brais, Inés, Álvaro, Adrián e Elena na aula de Lingua Galega e Literatura.

       Logo de obter os datos biográficos da autora baseándose no libro lido con anterioridade : "Así viviu Rosalía", dividiron as datas sinaladas entre todos para introducir cada unha as súas na liña do tempo, trátase dun traballo feito co programa timerime de xeito colaborativo do que se senten moi orgullosos.

jueves, 23 de mayo de 2013

CELEBRACIÓN NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS


ROBERTO VIDAL BOLAÑO E ROSALÍA DE CASTRO DA MAN 


O día 17 de maio, Dia das Letras Galegas,  fixemos unha gran celebración no salón de actos do noso instituto.
Tendo en conta que o día estaba adicado a Roberto Vidal Bolaño e que se conmeraba o 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos, nós quixemos desde o Proxecto Rosalía unir da man a estas dúas figuras facéndolles unha sentida homenaxe.

As "anfitrioas" foron as alumnas de 3º ESO Nerea López Toimil e Elena Regueiro Mesa que nos foron presentando cada unha das partes do espectáculo.

Abriuse o acto coa representación dun pequeno fragmento da obra de teatro Agasallo de sombras de Roberto Vidal Bolaño na que Rosalía de Castro é a protagonista. Nas escenas representadas vese a complexa vida sentimental da escritora e as críticas ás que estaba sometida. Os rapaces e rapazas de 4º da ESO foron os encargados da representación que, por certo, lles saíu moi ben.

Logo todos alumnos/as de 3º ESO levaron a cabo un recital de poemas de Cantares Gallegos no que a lectura estaba acompañada de imaxes que os propios rapaces escolleron para acompañar o seu recitado. Foi moi emotivo e souberon engaiolar ao público.

Máis tarde mostrouse o vídeo no que participamos no concurso Imaxina cantares! e do que aínda non sabemos se obtivo algún premio. Tivo moitos aplausos.

E, para rematar, os rapaces/as de 3º ESO cantaron no karaoke feito para a ocasión dous poemas de Rosalía de Castro: "mais o que ben quixo un día" e "Adiós ríos, adiós fontes".

Podemos dicir que foi unha festa para todos nós e estamos satisfeitos do traballo. Aquí deixamos unhas fotos da celebración.

miércoles, 15 de mayo de 2013

ROBERTO VIDAL BOLAÑO E ROSALÍA



O AUTOR PUXO EN ESCENA  A ROSALÍA

 

Este ano o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas é Roberto Vidal Bolaño. Este polifacético dramaturgo escribiu unha obra centrada na figura de Rosalía de Castro titulada Agasallo de sombras na que nos achega unha visión desmitificadora da nosa escritora.
Os alumnos de 4ª de ESO están preparando a representación dalgunha escena desta obra para celebrar a festividade das nosas letras. Están con ensaios e agardamos disfrutar con eles.
Deixamos aquí as imaxes que acompañarán a breve presentación que faremos do autor antes de comezar a representación teatral.



jueves, 9 de mayo de 2013

 

ASÍ VIVIU ROSALÍA 


      Os rapaces/as de 3º ESO estiveron lendo o libro titulado Así viviu Rosalía de Xosé Neira Cruz publicado na editorial Xerais. Trátase dunha breve novela que se acerca á vida de Rosalía de Castro  dunha maneira amena respectando os datos biográficos da autora.

      Logo da lectura os alumnos/as contestaron uns cuestionarios sobre o libro e poidemos aproveitalo para falar da vida de Rosalía. Aquí aparecen as fichas coas que traballaron.




miércoles, 1 de mayo de 2013

MURAL NA BIBLIOTECA


Ademais da exposición na biblioteca as rapazas de 3º ESO de Grupo Específico: Sarai, Belén, Nerea e Mónica fixeron un mural para lembrar o 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos.

No panel podemos apreciar alusións a este acontecemento e ver a sombra do  perfil tan característico da vila da Fonsagrada, así relacionaron a figura rosaliana as alumnas co seu contorno cotián.

Acabaron o mural colocando no firmamento estrelas con cadansúa palabra dentro alusiva ao que para elas representa Rosalía: tristeza, melancolía, amor, cantar...

Velaí mostramos como quedou.








ROSALÍA TAMÉN ESTÁ NA NOSA BIBLIOTECA

Exposición bibliográfica


Quixemos na nosa biblioteca facer un oco especial a Rosalía de Castro neste ano tan significativo e con esa intención montamos unha exposición no andel central da sala.

Extraemos os libros dos fondos bibliotecarios e dividimos a mostra en tres seccións: libros de Rosalía (incluíndo obras completas), libros sobre Rosalía (crítica literaria) e poemas lembrando a Rosalía.

Quedounos unha exposición xeitosa. Ademais serve de punto de información, xa que moitos rapaces e rapazas que están traballando sobre Cantares Gallegos acuden a este lugar para ler algún exemplar ou  collelo para préstamo.